A beleza da treixadura

 

Treixadura

Na cata de viños que realizamos a pasada semana no noso local, tivemos a ocasión de probar tres brancos moi notables, ainda que cada un coas súas características:

 

  1. - Tollodouro (Rías Baixas)
  2. - Viña Meín (Ribeiro)
  3. - Gaba do Xil godello (Valdeorras)


No caso dos dous primeiros, a presencia nunha alta porcentaxe da caste treixadura, concede un puntiño doce que contribúe a restarlle algo de acidez a estes interesantes viños. En todo caso, a aportación de outras variedades axuda a redondealos. O Tollodouro, nos pareceu que quizais podía ter un pouco máis de corpo e sobre todo de posgusto, ainda que como Rosal que é estaba moi bo.

 

Nembargantes, o Viña Mein aportou unha riqueza aromática e en boca moi destacada. Moi redondo en boca, cunha persistencia interesantísima, e que consideramos aportada polo reposo en lías durante dous meses. Tamén nos pareceu que sendo a colleita 2009 co paso do tempo en botella ainda gañará máis e quizais cara fins de ano poida ofrecer mellores sensacións.

 

Como contraste cos dous viños anteriores, catamos o godello de Telmo Rodríguez. Ainda que algúns dos presentes xa o coñecíamos, sempre nos sorprende pola súa frescura e acidez tan equilibrada. A pesares de non ter tanto corpo como o Viña Mein, as notas frescas de monte baixo resultan sempre atractivas, xunto co axustado da súa cata gustativa.

 

En conclusión, tres viños cunha excelente relación calidade-precio, e que na opinión dos asistentes da cata oscilou entre Viña Mein e Gaba do Xil. Empate, pois.

 

Share this